YouthMappers at USC

Quen somos?

A finais de 2018 tivemos a ocasión de acoller na facultade de xeografía unha xornada de creación de cartografía humanitaria en código aberto. Concretamente, aquel serán cartografamos un espazo fronteirizo en Níxer afectado á vez por epidemias e a opresión do grupo terrorista Boko Haram. Coa nosa labor facilitamos en directo cartografía a Médicos sen Fronteiras para podérense desprazar pola área afectada con máis seguridade. Moitos e moitas de nós rematamos tan satisfeitas a xornada que decidimos mobilizarnos para darlle continuidade a esta nova forma de activismo xeográfico.

YouthMappers at USC é o resultado deste novo proxecto. 15 estudantes de grao e doutoramento en xeografía, así como colabores de fóra da facultade, constituímonos na plataforma internacional Youth Mappers. Somos unha agrupación local (a primeira en Galicia e Portugal) que participa colectivamente en proxectos de cartografía polo desenvolvemento e pola resiliencia de comunidades locais. O primeiro mércores de cada mes xuntámonos no Seminario de Xeografía (20:00-21:15) e traballamos nun proxecto que consensuamos, establecendo previamente contacto con axentes locais e da plataforma HOTOSM para atender ás súas demandas e ser máis efectivos. Rematados os esforzos, acostumamos pechar o día cunhas cañas!

Anímate a participar. Non precisas formación previa; nós axudarémoste a empregar as ferramentas. Agardámoste no Seminario!

Contacto: youthmappersusc@gmail.com

Twitter: https://twitter.com/youthmappersUSC