O novo Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio

Xa é por todos coñecido que este curso 2019/2020 entrou en vigor a reforma do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio.  Porén a documentación oficial desta reforma non estaba dispoñible na páxina web da universidade, imposibilitando así a súa análise en detalle. De feito, a primeira información “pública” que se tivo do novo grao foi pendurada unha semana despois de dar comezo o prazo de matrícula, é dicir, os primeiros alumnos que se matricularon no primeiro curso descoñecían de antemán a modificación do Grao de Xeografía. Sen comentarios…

Polo tanto, os estudantes que se matricularos este curso 2019/2020 en 1º, serán a primeira promoción deste novo Plan de Estudos, pois a súa aplicación será progresiva (curso por curso) ata o 2022/2023. Permitindo así, que o resto de estudantes (os que están actualmente en 2º, 3º e 4º) poidan rematar co mesmo plan de estudos que comezaron.

A modificación do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio non cambia a natureza nin os obxectivos do grao anterior. Antes de nada, debemos remarcar que a información facilitada está obtida dos documentos dispoñibles na web da USC. No documento de Síntese da Modificación do Grao, indícase que os motivos para levar a cabo esta reforma son:

“O plan actual (…) data do curso académico 2009/2010. Durante estes anos, formáronse distintas promocións de alumnos e alumnas nuns contidos que se mostraron satisfactorios, como o testemuña a inserción laboral do alumnado: as competencias e destrezas adquiridas móstranse adecuadas ao mercado de traballo actual. En todo caso, neste tempo detectouse un descenso do número de matrículas (por baixo de 50), o que levou a exporse a necesidade de modificar o plan de estudos. Desta maneira, procúrase unha mellora xeral da oferta dos contidos deste grao universitario, unha maior calidade formativa do mesmo e unha estrutura interna máis adecuada. Todas estas modificacións deberían traducirse nun incremento no número de estudantes nos cursos vindeiros.

A modo de síntese, as principais modificación do novo plan son:

  • A oferta de prazas no primeiro curso redúcese a 50, anteriormente era 55. Esta circunstancia non parece, a priori, demasiado importante tendo en conta a demanda actual de estudantes de novo ingreso.
  • Búscase reforzar os fundamentos da Xeografía non primeiro curso académico. Por iso, desdóbranse as materias de Fundamentos de Xeografía Física e de Fundamentos da Xeografía Humana.
  • Perséguese especializar as técnicas de SIX nas distintas áreas dá Xeografía. Por iso, propóñense dúas materias: SIX para Xeografía Humana/Rexional e SIX para Xeografía Física.
  • Asignación das materias as diferentes Áreas de coñecemento, permitindo así unha maior especialización e mellora da calidade da docencia.
  • O TFG redúce á metade o seu peso (pasa de 12 a 6 créditos), e increméntase (de 3 a 4) o número de materias obrigatorias no 4º curso.
  • Incrementase a oferta de materias optativas e créanse dous itinerarios: Medio Físico e Territorio / Sociedade e Territorio. Este é o principal cambio no novo plan de estudos.

En España, a maior parte dos Graos de Xeografía non inclúen mencións ou itinerarios no seu Plan de Estudos, aínda que é moi habitual noutro países, coma os anglosaxóns. O carácter transversal da Xeografía entre as Ciencias Sociais e as Ciencias da Terra, leva ao establecemento dunha formación diferenciada en base a estas dúas grandes orientacións, tal e como se leva a cabo nas principais universidades do mundo no eido da disciplina xeográfica. Baixo esta premisa, o novo Grao en Xeografía oferta dúas Mencións:

  • Medio Físico e Territorio, centrado nos contidos da Xeografía Física.
  • Sociedade e Territorio, centrado nos contidos da Xeografía Humana e Rexional.

Para obter a Mención no título o alumno deberá cursar un total de 30 ECTS da optatividade asignada a cada itinerario, ademais dos 6 ECTS do TFG que deberá tamén vincularse a unha Mención. Porén, a obtención dunha Mención é algo opcional, polo que non existe ningún impedimento para cursar materias de diferentes itinerarios.

A oferta de materias non sofre un gran cambio, aínda que moitas actualizan os seus contidos e incluso a súa denominación.

1º Curso

2º Curso

3º Curso

4º Curso

Optativas e Mencións

Materias optativas propostas inicialmente pero que foron descartadas:

  • Mét. de Difusión da Xeografía
  • X. das Rexións Atlánticas Europeas
  • X. Lingüística e Toponimia
  • X. das Relixións e Peregrinacións

Como se pode ver, a estrutura do grao non sofre cambios demasiado chamativos, pero si se debe sinalar a desaparición de materias como Fundamentos de Xeoloxía, Lexislación Medioambiental, Unión Europea, Cartografía Avanzada ou Hidroloxía, aínda que os seus contidos son asimilados (parcialmente) noutras materias. Con todo, o cambio máis significativo é o incremento da optatividade e a creacións de dous itinerarios que permiten a obtención dunha Mención (Medio Físico e Territorio / Sociedade e Territorio), sendo pioneira dentro do Sistema Universitario Español. O novo grao terá unha maior capacidade de atracción de alumnos, ao ofrecer a posibilidade dunha formación máis especializada e atractiva para estudantes que non teñen a Xeografía como primeira opción.

 Outra novidade que se debe destacar é a asignación das materias ás diferentes áreas de coñecemento da Xeografía (Física, Humana e Rexional). Isto suporá que o docente (ou docentes) que imparta cada materia será, de forma preferente, pertencente a área á que estea asignada. De esta forma, promóvese que sexan os aspectos académicos os que inflúan no reparto das materias no canto de rexerse simplemente por aspectos coma a antigüidade ou o cargo, mellorando así a calidade da docencia.

Aínda que deberemos agardar algúns anos para ver como evoluciona o novo grao,  esta actualización do plan de estudos parecía unha condición necesaria para mellorar a formación dos estudantes e a procura dun incremento no número de matrículas. A Xeografía, ao igual que o resto de disciplinas, precisa estar en constante actualización, apostando pola especialización pero sen perder ese carácter integral que a define, o que permitirá que os xeógrafos continúen a ter un papel destacado na sociedade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s